Un dos nosos maiores medos cando saímos á rúa para rexistrar momentos que implican a xente que non coñecemos e que nos poden parecer máis ou menos íntimos, é saber a ciencia certa se estamos a infrinxir algunha lei.

"Son coma un vaqueiro cunha bala e non cunha ametralladora na procura dese instante decisivo."
Fan Ho
Que nos di a Lei?
A resposta a esta pregunta é relativamente sinxela: NON podemos fotografar a ningunha persoa sen o seu consentimento e moito menos cando esa persoa descoñece que é o que estamos a fotografar.
Dito isto, o mellor que podemos facer os fotógrafos urbanos é ficar na casa.
Non se pode fotografar ás persoas sen un consentimento.
Iso parece desde un primer intre, pero imos matizar certos puntos que a pesar de evitar incumprimentos da lexislación vixente deberiamos ter en conta á hora de traballar con documentación gráfica.
De cando é a Lei e que é o que contempla?
A lei que regula o dereito á imaxe e ao honor é moi dura e co tempo endurécese cada vez máis.
En España seguimos a rexermos por unha lexislación redactada no ano 1982 na que non veñen contempladas as novas tecnoloxías. Daquela, non había ninguén expoñendo aínda con cámaras de teléfonos móbiles.
Todo o que che vou comentar nesta publicación fai referencia á lexislación que coñezo: a española. Teñamos presente que tanto no futuro coma no caso de outros países, os artigos que mencione poderían variar dun xeito notábel.
Antes de seguir adiante, convén coma lector que revises se non existen trocos na lexislación que poderían contradicir ou completar certas opinións ofrecidas aquí por min. Recoméndoche que accedas ao que no BOE (Boletín Oficial do Estado, do Goberno de Españal) publicase ao respecto. Podemos facelo directamente desde aquí onde ademais atoparás os textos orixinais e as súas actualizacións co paso do tempo no caso de recibilas.
Sobre a captación de imaxes
Resumindo bastante o que di a lexislación, coma che comentaba de entrada, basicamente no poderemos tirar ningunha fotografía na que saia unha persoa sen ter obtido antes un consentimento da mesma.
No artigo 7.5, que ven sendo o máis polémico de todos e é o que máis nos afecta aos fotógrafos e fotógrafas tanto profesionais coma afeccionados, dínos que o mero feito de tirar a foto xa infrinxe a lei, non importando para nada se nos atopamos nun espazo público ou privado.
"A captación, reprodución ou publicación por fotografía, filme ou calquera outro procedemento, da imaxe dunha persoa en lugares ou momentos da súa vida privada ou fóra deles, agás nos casos previstos no artigo oitavo, dous."
BOE, Lei Orgánica 1/1982, do 3 de maio, da protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe (Capítulo II, artigo sétimo, punto 5).
Unha cuestión de interpretación
Ante o artigo anterior pouco podemos facer; porén, a partires do punto oitavo ofrécesenos algo de esperanza ao falarmos de certas excepcións en situacións moi particulares.
Debemos que ter claro que no caso de chegar a enfrontarmos a unha demanda legal, todo quedará finalmente ás expensas da interpretación que faga o xuíz que instrúa o caso en particular.
Neste oitavo punto cítansenos algúns supostos onde si poderíamos fotografar e, entre eles, escenas de interese histórico, cultural ou científico, ante as que poderíamos non estar infrinxindo ningunha lei e, quero insistir na palabra "poderíamos" porque coma dicía, a derradeira palabra vaina ter o xuíz que decidise sobre o noso futuro.
Imos estudar o que é exactamente o que nos conta o punto 8.2:
"Dous. En particular, o dereito á propia imaxe non impedirá:
a) A súa captación, reprodución ou publicación por calquera medio cando se trate de persoas que exerzan un cargo público ou unha profesión de notoriedade ou proxección pública e a imaxe fose captada durante un acto público ou en lugares abertos ao público.
b) O uso da caricatura de ditas persoas, dacordo co uso social.
c) A información gráfica sobre un suceso ou acaecimento público cando a imaxe dunha persoa determiñada apareza coma meramente accesoria.
As excepcións contempladas nos parágrafos a) e b) non serán de aplicación respecto das autoridades ou persoas que desempeñen funcións que pola súa natureza precisen do anonimato da persoa que as exerza.
BOE, Lei Orgánica 1/1982, do 3 de maio, da protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. (Capítulo II, artigo oitavo).
Ven sendo neste artigo ao que se acollen os xornalistas gráficos para poder desempeñar as súas funcións. Se nos centramos neste artigo poderemos xa expoñer incluíndo ás persoas sempre e cando sexan cargos ou persoeiros públicos e cando ese interese fotografado sexa para informar ou documentar unha situación de interese xeral.
Poderemos ademais chegar a fotografar nun acto público a xente anónima mentres non teñan un peso relevante na fotografía; é dicir, que non sexan os protagonistas. Isto é ao que se refire a lei no punto c) cando fala de persoas meramente accesorias.
En resumo, o que o fotógrafo urbano debe facer é fotografía urbana e non de xente, no mesmo intre no que centremos a atención nunha persoa e a convertemos en obxecto da fotografía, deixaría de ser accesoria.
A decisión dos xuíces
Atopámonos ante unha complexa situación no caso de ter chegado á sala dun xulgado e o arbitrio pódenos levar a resultados tan sorprendentes coma pouco agardados.
Será moi difícil valorar cada caso desde un punto de vista obxectivo e xusto.
Sexamos razoábeis... se a meirande parte das persoas que tiran fotos non se preocupan pola súa formación... por que lla teríamos que esixir a un xuíz?
A persoa encargada para valorar a demanda debería ter certos coñecementos para chegar a comprender mellor os motivos que levaron ao autor a tirar a foto demandada, sobre todo no que se refire a Arte e Composición.
Para poder facer unha valoración correcta sobre unha obra fotográfica, a autoridade designada debería ter coñecementos e cultura fotográfica de pintura... e, por suposto que os hai, non quero dicir con isto que ningún xuíz posúa estas capacidades. O que está claro é que non se trata dunha preparación esixíbel e na miña humilde opinión, iso é algo que debería de mudar. Debería existir unha especialización para este tipo de litixios ao igual que acontece co resto de xurisprudencias.
O consentimento expreso
Moitos fotógrafos urbanos están convencidos de que ao non existir na lexislación ningún punto no que se indique que o consentimento expreso teña que dárse tamén por escrito, coa mera ollada a cámara por parte do suxeito poderíase entender que ofrece un consentimento implícito.
Isto non é así exactamente e debemos telo sempre presente. Volvemos ao punto das interpretacións.
Esa interpretación lixeira a fará quen pretenda amarrarse a un cravo ardendo e quen así a use coma defensa nos xulgados terá sen dúbidas as de perder pois ningún xuíz lle poderá dar a razón.

A ollada podería ser considerada un consentimento... pero en ningún caso sería vitalicio.

Este punto entenderémolo cunha sinxela explicación. Do mesmo xeito que acontece cos temas de cesións dos dereitos de imaxe coas persoas que foron retratadas voluntariamente e, aínda con contratos asinados de por medio, calquera consentimento sobre o uso da imaxe dunha persoa é inmediatamente revogábel.
Polo tanto, calquera persoa que che tivese dado consentimento poderacho retirar en canto se arrepinta delo e ante iso non hai nada que facer. Chegarás ao xulgado e o xuíz dirache que non importa o consentimento que che tivese dado no seu intre, tanto fose implícito coma explícito, pois no mesmo intre da vista será obvio que xa non o tes. Por isto mesmo e aínda que se trate doutra disciplina totalmente distinta, aproveito para recomendar o uso de contratos cando tiremos retratos sen esquece especificar mediante clausulas o que implicaría unha revogación de permisos de imaxe chegado o caso, incluíndo algún tipo de compensación. Imaxina que unha modelo che retirase o permiso unha vez posta en marcha unha campaña. Se non existise ningunha clausula que contemple este suposto, teríanse que retirar todas as imaxes coa conseguinte perda económica que supoña e que seguramente sexa inasumíbel.
O xeito de comportarse na rúa
Na miña opinión e penso que na da meirande parte deos fotógrafos e fotógrafas urbanas, pois deste xeito o aprendín deles, debemos ser ante todo naturais, iso si! Sexamos sempre completamente conscientes de que incumprimos leis pero co convencemento de que esas leis nin están actualizadas nin van a xeito cos tempos actuais.

O fotógrafo urbano non é un delincuente, non está a facer nada malo... dicir o contrario será sempre prexulgar.

Debemos metermos ben na cabeza que non estamos a facer dano a ningúen, pero para elo, temos primeiro que marcarmos uns límites éticos baseados nuns mínimos de responsabilidade e; sobre todo, tratar de sentir moita EMPATÍA... así, con maiúsculas!
Fotografar a menores de idade
Por poñervos un exemplo, eu teño por costume non fotografar nunca en lugares onde frecuenten menores de idade. As miñas liñas vermellas impídenme sequera aparecer cunha cámara nun parque infantil ou nunha escola, evitando así bastantes problemas.
Protexer aos menores de idade é unha prioridade, non hai excusa que xustifique o contrario.
Se por algún motivo me vise no caso un día de atoparme cunha escena que si ou si coido que paga a pena ser rexistrada nunha instantánea, pediría permiso aos titores legais do menor que aparecese no encadre.
Con todo, produciría xa de por si un efecto de coñecemento previo e a esencia da fotografía urbana para entrar no que eu considero xa fotografía de retrato.
Pero no caso de ter chegado a ese extremo, non esquezas que entón, o consentimento por escrito deberá estar asinado por todos e cada un dos titores.
Ás veces, coma no caso da fotografía que encabeza este apartado, se vexo unha fotografía interesante e aparece o rostro dun meniño, agardo anos a facela pública para evitar a identificación do menor.
As situacións ridículas
Nunca busco nin busquei imaxes que puidesen deixar en evidencia a ninguén. A empatía cara os demais é absolutamente imprescindíbel nesta disciplina.

Cando quito fotos na rúa estoume a retratar a min mesmo.

A máxima a seguir é ben sinxela e coñecida por todos: Non lle fagas aos demais o que non che gusta que che fagan a ti. Por desgraza, esta filosofía non é tomada en conta por algunhas personaxes que devecen nas súas ansias por coleccionar "gústame" nas redes sociais e non dubidan precisamente de procurar polo contrario: atopar o ridículo amosando situacións comprometidas e en lugares onde as persoas son moito máis vulnerábeis e amósanse dun xeito distinto do habitual e moitas veces moi distendido pola confianza coa contorna (praias e piscinas, por exemplo, onde ademais preséntanse con menos roupa).
Este tipo de fotógrafos son os que en realidade dánlle mala sona aos fotógrafos urbanos e producen na sociedade un efecto de rexeitamento facendo que os peóns póñanse moitas veces á defensiva en canto alguén achega unha cámara ao ollo.
Cando che descubren fotografando
Se te collesen tirando unha foto volvemos ao mesmo de sempre: actúa con naturalidade.
O que nunca falla é o sorriso, non perdas o sorriso ante ningunha situación ou verbas que che poidan soltar. Ten sempre en conta que a persoa puido sentir que invadiche a súa intimidade e as súas primeiras reaccións poderían ser máis bruscas do que ela mesma quixera.
Estivemos durante moito tempo convivindo cunha pandemia que obrigounos a levar máscaras e poderiamos chegar apensar que o sorriso é máis complexo de amosar neste tipo de situacións. Así e todo, as persoas temos unha extraordinaria facilidade para sentir, intuír e interpretar os máis mínimos xestos da faciana. Os ollos, por exemplo, falarán da túa actitude. O teu sorriso será capaz de traspasar o tecido e os filtros de calquera máscara. É un arma tan potente que atravesa incluso aquelo que non logra traspasar un virus tan dañino e terríbel coma o máis famoso do que vai de século.
Se cando tiras fotos na rúa o fas dun xeito amábel e tranquilo é probábel que ninguén se te achegue. Polo contrario, se perdes os nervios e actúas coma se tiveses feito algo malo, vante interrogar e farano coa mesma actitude e desconfianza que tivesen percibido en ti mesmo.

Moléstame moito ver fotografías de xente desfavorecida sen ningunha xustificación.

Se alguén se te achega a preguntar polo que andas a facer, simplemente limítate a explicárllelo sen medo, non estás facendo nada malo. Comenta a túa visión da imaxe, da escena. Amosa a foto incluso antes de que cha pidan e se logo cha seguen pedindo borrar, non o dubides porque están no seu dereito. Eliminas o arquivo e punto! sen complicarse en absoluto. Non paga a pena e a outra persoa sempre vai ter razón.

Cando tirei esta foto, a persoa que sae estaba ollando cara min e levaba un tempo así, en canto me viu subir a cámara ao ollo xirouse dándome as costas e deixándome claro que non quería saír na imaxe; porén, con ese xesto o que fixo realmente foi dárme a oportunidade de incluíla no cadro. Se a túa actitude é boa e non te agochas, poderás traballar sen problemas.

Cando molestas a alguén por unha publicación
Pode acontecer tamén que no intre da obturación ninguén che tivese dito nada ou no se te esixise borrar a foto.
Moitas fotografías urbanas, a meirande parte delas, chegan a publicarse en bitácoras e redes sociais sen consentimento das persoas que aparecen nelas, sendo en realidade algo normal e habitual. O que non é de recibo é tirar unha foto e ir preguntando logo á persoa retratada. Iso só serviría para romper o ritmo da sesión e ademais chamaría tanto a atención que o resto de peóns teríanche perfectamente localizado e fichado; tomaranche por unha ameaza. Quen é esa persoa que vai por aí cunha cámara de fotos e para colmo ten a cara tan lavada coma para interromper á xente e cantarlles algunha milonga?
Normalmente a xente non se atopa a si mesma e e ven sendo o máis normal que sexan outro s quenes os avisen de que os viron nunha imaxe. Moitos sentiranse orgullosos e gustaralles aparecer no teu porfolio (dependendo de como sexa o contido que adoites publicar nel así coma da tónica que amoses e que podería ser desde algo máis serio a algo máis satírico). Haberá tamén quen se moleste en contactarche e eu estou convencido de que sería algo moi fermoso agradecerllo mandándolles unha copia impresa da súa foto.

Todo aquel que se identifique nas miñas publicacións ten garantida unha copia da foto, así que se estás interesado, búscate porque encantarame saber que un día che puiden fotografar.

Pero a pesar de todo, tamén temos que estar preparados para o caso contrario no que a persoa identificada poida sentirse incómoda e incluso, e a pesar de non terche dito nunca nada nin pedirche a eliminación da imaxe, levarche ao xulgado por elo.
Eu prefiro borrar unha foto antes de pensar que alguén poida sentirse molesto ao identificarse nela. Trato de que a xente queira aparecer nas miñas imaxes porque iso será o que quedará de min cando o meu camiño pola vida remate.

O normal sería que cho tivesen dito antes. Levar unha demanda deste tipo a un xulgado ten un custo demasiado elevado e ao igual que ti non poderás coñecer con garantas o resultado, a outra parte tampouco. Precisamente, a túa mellor defensa será que a outra parte non che tivese feito chegar as súas impresións ou queixas. Entón, o máis probábel será que che obriguen a borrar a imaxe e retirala dos lugares onde fose publicada e xa... todo quedará niso.
Pero no caso de que alguén si se puxera en contacto contigo e che tivese comunicado o seu sentimento de molestia ante a imaxe, o máis razoábel será sempre eliminala de todos aqueles lugares nos que tivese aparecido exposta. Unha vez feito iso, é probábel que xa non teña que demandarte, en cuxo caso, falará no teu favor o feito de tela retirado inmediatamente pois existirá pola túa banda unha clara intención de colaboración e se o tiveses acompañado dun escrito ofrecendo as túas desculpas será realmente difícil que vaia a máis. Pero chegado a este punto tamén podería ser que o descoñecemento das partes puidese propiciar que aínda que o fotógrafo poña todo o seu bon facer e voluntariedade por resolver o conflito, as ansias que moitos peóns teñen por crer que se lles van pagar unhas compensacións mellores que gañar un Euromillón, os pode levar a continuar co proceso de demanda. Logo xa se darán cun canto na queixada... a non ser que che toque un xuíz que decida o contrario, que tamén podería ser.
Con todo, se sabes que o fotografado sinte indignación, cho avisa e ségueche dando absolutamente igual e prefires seguir adiante coa exposición pública da imaxe desa persoa, deberás prepararte para o peor.  As cantidades esixidas polos xulgados nestas demandas son de montantes verdadeiramente importantes e, se foi pola túa propia cabezonería, en parte íalo ter ben merecido. Este tipo de actitudes por parte dalgún fotógrafo que remata desgrazadamente en sentenzas on se esixe unha compensación económica tan elevada, son carne de cañón na prensa e propicia precisamente que haxa xente que insista na demanda... pero ollo! son casos moi excepcionais e distintos entre si.
Conclusións
Legalmente non podes fotografar persoas na rúa aínda que te atopes nun espazo público e aberto.
Polo contrario, non estas a facer dano a ninguén. Non fas nada malo. Isto resulta moi paradoxal se o confrontamos coa lexislación. Prohíbesenos algo que non dana a ninguén.

Trato de fotografar a rúa e, por ende, xente na rúa tamén.
Cando te centras na persoa debes saber que deixas de fotografar a rúa para entrar no terreo do retrato e hai quen fala entón dunha disciplina á que chaman retrato de rúa pero que a min non me deixa de parecer un retrato tirado en exteriores. 
Porén, o xénero que naceu coma 'street photography' consistía precisamente nelo, en facer retratos consentidos, con poses na rúa e; conseguintemente, xente na rúa tamén.
É por todo isto que a min cóstame moito usar os termos de 'street', 'rúa' ou 'de rúa' preferindo dicir que fago fotografía 'urbana'... o resto de debate é mera cuestión comercial para poder venderse baixo algún cancelo.

Pero as leis están ben, deben ser así, non son perfectas pero tampouco malas e están aí para axudar. Eu en ningún momento opinarei nin direi o contrario. Tampouco esta publicación busca a finalidade de axudar a evadir a lei, simplemente que a coñezas.
O único que a min me molesta de todo isto é a tremenda hipocrisía que se amosa en certos casos, coma por exemplo que ergas un teléfono móbil e poidas facer todas as fotos que che pete pero coma o que leves ao ollo sexa unha cámara fotográfica máis alá dunha pequena compacta, non tarda moito en aparecer alguén a tratar de impedircho.
Así que a pesar de todas as restricións e complicacións, non perdas as gañas de saír a fotografar a rúa pois é un medio sumamente interesante e importante para documentar a vida da túa época e, quen sabe? Igual podería chegar a ser de moita utilidade no futuro.
Grazas por agasallarme co teu tempo lendo algo tan extenso e agardo fose do teu interese e che puidese aportar luz dalgún xeito a calquera dúbida que tiveses con respecto á situación da figura legal cando tiras fotos nas rúas da túa barriada.
Subir